Carolina Martínez, experta e responsable da área de bioclimática no COAG de Lugo, dou a coñecer no programa “Galicia al Natural” de Radio Líder as vantaxes que aporta este tipo de arquitectura para o contorno e benestar da poboación, pero tamén para o peto.

Asegura que, do que se trata, é de aplicar o que se fixo tradicionalmente, e exemplo disto sería a práctica de orientar as vivendas cara ao sur, minimizando así as perdas de calor.

Non obstante, entende que aínda falta moita formación cidadá na materia, polo que no seu momento animouse a poñer en circulación un blog de divulgación bioconstruirme.org, a través do cal difunde información sobre distintas modalidades de construción con palla, terra, cubertas vivas, enerxías renovables e materiais ecolóxicos, entre outras.

•Insiste en que cun bo illamento térmico permitiríase reducir en gran medida as perdas de calor, á vez que recomenda un proceso de rehabilitación para moitas das vivendas instaladas nas grandes cidades, revalorizando o construído.

Cerceda, a 25 de abril de 2013.- Nos últimos tempos, e máis ante a crecente sensibilidade da poboación en torno á protección do patrimonio natural e, como non, ante a crise que nos toca vivir, onde a construción representa un dos sectores de actividade máis golpeados, estamos asistindo a un novo concepto de arquitectura que ten en conta o respecto medioambiental e a eficiencia enerxética como garantía do máximo aproveitamento dos recursos.

Carolina Martínez García, experta en arquitectura bioclimática e responsable desta área no Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo, participou recentemente no programa “Galicia al Natural” de Radio Líder para falar desta modalidade arquitectónica, que definiu expresamente como o “deseño idóneo para lograr o máximo confort co menor gasto enerxético posible” ou, dito doutro xeito, “o deseño realizado a partir do recoñecemento do contorno e adaptación ao mesmo, logrando así o máximo aproveitamento dos recursos naturais, pero a baixo custo”. Do que se trataría, segundo ela, é de tomar como referencia o que se fixo sempre, bebendo directamente da arquitectura tradicional, que leva miles de anos aplicándose”.

E como paradigma aludiu ao rural galego, onde os dormitorios das vivendas se habilitaban xusto encima dos establos dos animais para aproveitar a calor desprendida por estes, pola palla e polo esterco. Outro exemplo poderían ser os ventanais orientados cara ao sur nas zonas de clima frío, ou, o contrario, as casas encaladas de Andalucía para combater as altas temperaturas e manter fresco o interior. Pola súa banda, tamén prestou especial atención ás posibilidades que ofrece a vexetación a modo de barreiras acústicas e protección dos ventos fortes.

Polo tanto, a máxima da arquitectura bioclimática “non consiste en inventar cousas estrañas, senón en redeseñar coas xa existentes e sacar o máximo proveito aos recursos que brinda o contorno”.

MÁIS DIVULGACIÓN

Se ben é certo que cada vez hai máis xente interesada neste tipo de arquitectura, segundo a representante do COAG de Lugo, aínda falta moita formación. É por iso que en cidades como A Coruña desenvólvese nestes momentos, cunha boa acollida, un ciclo de conferencias sobre esta temática.

Conta que tamén se animou a poñer en circulación un blog de divulgación baixo o dominio bioconstruirme.org, onde difunde información sobre diferentes modalidades de construción: con palla, terra, cubertas vivas, enerxías renovables e materiais ecolóxicos, entre outras.

MELLOR ILLAMENTO

Dende o punto de vista da eficiencia enerxética, recoñece que moitas familias gastan grandes sumas de diñeiro en manter unha temperatura confortable nos seus fogares, cando, en realidade, cun bo illamento térmico permitiríase reducir en gran medida as perdas de calor. “En Galicia cústanos asumir o concepto de illamento e, en verdade, temos a sorte de que cun mínimo de investimento podemos obter un aforro enerxético elevadísimo”. Neste sentido, asegura que illar unha vivenda é un proceso sinxelo, “e co cara que está a enerxía, evidentemente compensa”.

Así mesmo, manifesta que o deseño das urbes non tivo en conta o medio, xa que “en moitos casos atopámonos con edificios enteiros aos que non lles dá o sol”. É por iso que recomenda facer rehabilitacións, mellorando así este patrimonio e “revalorizando o que temos construído”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

Via: Sogama

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.